O subtitulado en directo (live subtitling ou real-time captioning nos Estados Unidos) é a transcrición en tempo real de voz, efectos de son, información musical relevante e outra información de importancia do audio para permitir a persoas xordas ou con discapacidade auditiva seguir un programa audiovisual en directo. Polo xeral, considérase (dende que se introduciu nos Estados Unidos e Europa a comezos da década dos 80 do século pasado) como unha das modalidades que constitúe un maior reto dentro da accesibilidade aos medios. Este subtitulado pode crearse a través de diferentes métodos: teclados QWERTY comúns, teclado Velotype e as dúas maneiras máis frecuentes, a saber, estenografía e refalado.

GALMA está vinculada á investigación (e práctica) da estenografía e, sobre todo, do refalado, que podería definirse como:


a técnica na que a persoa refaladora escoita o audio orixinal dun programa ou evento (en directo) e o repite (refala), incluíndo signos de puntuación e información específica para a audiencia xorda ou con discapacidade auditiva, a un programa de recoñecemento de voz, que transforma os sons que recoñece en subtítulos que amosa na pantalla no mínimo intre de tempo posible
Romero-Fresco, 2011:1

En moitos sentidos, o refalado é para o subtitulado o que a interpretación para a tradución, isto é, un salto do escrito ao oral sen a rede de seguridade do tempo. Malia que, polo xeral, indícase as persoas refaladoras que repitan o audio orixinal, para así producir subtítulos literais, a gran velocidade á que se produce o discurso en contidos audiovisual fai que, a miúdo, isto sexa complicado. Así mesmo, o reto da alta velocidade vai acompañado doutras limitacións: a necesidade de introducir signos de puntuación no ditado mentres se pronuncia o refalado do audio orixinal e a expectativa de que o resultado refalado cumprirá cos ritmos de lectura dun público estándar. En consecuencia, as persoas refaladoras, a miúdo, parafrasean, en vez de repetir e seguir de preto o audio orixinal. En GALMA, estamos levando a cabo na actualidade investigacións pioneiras sobre a calidade dos subtítulos en directo con numerosos gobernos, universidades e empresas de todo o mundo, empregando o noso modelo NER. Tamén ofrecemos formación presencial e en liña sobre refalado intra- e interlingüístico e establecemos LiRICS (Live Reporting International Certification Standard), o primeiro proceso de certificación a nivel mundial para profesionais do refalado.



Referencias:

Eugeni, C. and G. Mack (2006) (eds.) Intralinea, Special Issue on New Technologies in Real Time Intralingual Subtitling. Available online: http://www.intralinea.org/specials/respeaking [last access 20 December 2017].

Romero-Fresco, P. (2011). Subtitling through speech recognition: Respeaking. Manchester: Routledge.

Romero-Fresco, P. (2016). Accessing communication: The quality of live subtitles in the UK. Language & Communication, 49, 56–69.

Universidade de VigoXunta de GaliciaMinisterio de EconomíaEuropean Union

Universidade de Vigo Facultade de Filoloxía e Tradución | Despacho Newton 5 | Campus de Vigo As Lagoas | Ctra. de Marcosende | 36310 Vigo (España)
Back to top