Os subtítulos para persoas xordas e con discapacidade auditiva (SpX, en inglés subtitles for the deaf and hard of hearing, SDH, ou captions, en Estados Unidos, Canadá e Australia) caracterízanse polos seguintes aspectos:

  • poden ser intralingüísticos (na mesma lingua) ou interlingüísticos (da lingua orixe á unha lingua termo);
  • inclúen información verbal e (ao contrario que os subtítulos para un público oínte) sons non verbais sobre identificación de personaxes, efectos de son, maneiras de falar e música;
  • poden ser editados ou literais: segundo a súa velocidade, poden conter todas as palabras do audio ou non;
  • poden ser abertos (gravados na imaxe) ou pechados (a persoa usuaria actívaos);
  • aínda que, nun primeiro momento, foron deseñados para persoas cunha perda auditiva, son igual de útiles e poden empregalos: aprendices de linguas, persoas estranxeiras e inmigrantes, persoas oíntes en ambientes ruidosos e persoas con dificultades cognitivas ou de aprendizaxe. Polo tanto, son exemplo da ampla noción de accesibilidade aos medios que se defende dende GALMA.

A miúdo, estes subtítulos só se teñen en conta no proceso de distribución, sen ningún contacto entre cineastas e subtituladoras e subtituladores. Dende GALMA, fomentamos a integración dos SpX no proceso de produción cinematográfica, seguindo o enfoque da cinematografía accesible, tanto en termos de investigación como práctica en películas, como o documental galardoado Notes on Blindness.



Referencias:

De Linde, Z. and N. Kay (1999) The Semiotics of Subtitling, Manchester: St. Jerome Publishing.

Neves, J. (2018) ‘Subtitling for Deaf and Hard of Hearing Audiences: Moving forward’, in L. Pérez-González (ed.) The Routledge Handbook of Audiovisual Translation, London & New York: Routledge, 82-95.

Romero-Fresco, P. (ed.) (2015) The Reception of Subtitles for the Deaf and Hard of Hearing, Bern, Berlin, Bruxelles, Frankfurt am Main, New York, Oxford, Wien: Peter Lang.

Universidade de VigoXunta de GaliciaMinisterio de EconomíaEuropean Union

Universidade de Vigo Facultade de Filoloxía e Tradución | Despacho Newton 5 | Campus de Vigo As Lagoas | Ctra. de Marcosende | 36310 Vigo (España)
Back to top